Buscar neste blog

Terceiro libro da triloxía do inspector Caldas (Domingo Villar)

O ÚLTIMO BARCO
 
A filla do doutor Andrade vive nunha casa pintada de azul, nun lugar onde as praias de ondas mansas contrastan co bulir da outra beira. Alí, as mariscadoras pescudan na area, os mariñeiros botan os aparellos á auga e os que van traballar á cidade agardan no peirao a chegada do barco que cruza cada media hora a ría de Vigo. Unha mañá de outono, mentres a costa galega se recupera dos estragos dun temporal, o inspector Caldas recibe a visita dun home alarmado pola ausencia da súa filla, que non se presentou a un xantar coa familia na fin de semana nin acudiu o luns a impartir a súa clase de cerámica na Escola de Artes e Oficios. E, aínda que nada pareza alterado na casa nin na vida de Mónica Andrade, Leo Caldas axiña ha comprobar que na vida, coma no mar, a máis apracible das superficies pode agochar un fondo escuro de correntes devastadoras.


A PRAIA DOS AFOGADOS
 
Finalista do International Dagger Prize 2011
Premio Frei Martín Sarmiento 2011 na categoría de adultos
Libro do Ano nos Premios Irmandade do Libro 2009
Premio Losada Diéguez de Creación Literaria
Premio Brigada 21 de novela negra

Despois do éxito de Ollos de auga, Domingo Villar preséntanos esta apaixonante novela de intriga que mergulla o lector no mundo da Galicia mariñeira, desde os areais das Rías Baixas á paisaxe urbana e as tabernas da cidade de Vigo.
A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas e que, cando deciden falar, apuntan nunha dirección insólita de máis. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos: o único irmán do seu pai está enfermo de gravidade e a súa colaboración no programa radiofónico de Onda Vigo estase volvendo cada vez máis inaturable. Tampouco non facilita as cousas o carácter arroutado de Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á retranca e os sobreentendidos dos galegos.
Domingo Villar volve introducir o lector nunha intriga sen acougo. Unha pescuda policial que, nesta segunda novela protagonizada polo inspector Leo Caldas, tamén é unha esculca na memoria e nas ilusións fanadas.


OLLOS DE AUGA

A novela coa que Domingo Villar iniciou a súa andaina na narrativa policial en galego. Protagonizada polo inspector Caldas, esta obra salienta por combinar suspense, personaxes orixinais, ambiente urbano e humos nas doses precisas que esixe o xénero negro. Un novo autor para a literatura galega e unha novela na que lectura e diversión son sinónimos.
Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O seu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños. O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía viguesa.
Novela policial salferida de humor e con grandes doses de suspense, Ollos de auga sitúa ao seu autor na liña de escritores que, coma Andrea Camilleri e Henning Mankell, renovan o xénero negro desde Europa cunha obra na que o interese da narración se ve acrecentado por unha visión crítica da sociedade. Na obra de Domingo Villar conviven certa melancolía coa ledicia da música e o viño branco. Unha historia de misterio zarrapicada de ironía, unha intriga retranqueira, unha novela negra en cores.