Buscar neste blog

Herba Moura. Teresa Moure.

"Herba Moura", trasládanos, da man dun personaxe contemporáneo chamado Einés Andrade, ao século XVII, onde nos atopamos coa figura dun Descartes humano e fráxil -nunha perspectiva inédita do filósofo- e, sobre todo, coa figura de dúas mulleres: a raíña Christina de Suecia e Hélène Jans, unha entrañable meiga residente en Amsterdam. A través dunha miscelánea de textos (cartas, poemas, recetarios, herbarios) a autora, coma se fose un compendio de estilos literarios e botando man de recursos tan dispares como a epístola, o diario, o ensaio, a poesía, o estilo directo, etc, constrúe unha novela estilisticamente deslumbrante, sen caer nunca no lirismo gratuíto nin no sentimentalismo, chamada a situar á narrativa galega nun novo contexto. "Herba Moura" é un canto ás paixóns: á paixón amorosa, dende logo, mais tamén a outras paixóns deostadas como a do amor polo coñecemento, a da amizade, a da maternidade, a da lectura e a da palabra. Unha novela que deita unha ollada crítica sobre o devir das mulleres na historia, dándolles voz e recuperándoa para elas.