Buscar neste blog

Palabras de auga (Marcos Calveiro)

En 2014, Palabras de auga, escrita por Marcos Calveiro e ilustrada de forma impecable por Ramón Trigo, entrará a formar parte da Lista de Honra do IBBY. Non é o primeiro galardón que recibe esta obra. No ano 2012 fíxose co prestixioso Premio Merlín de Literatura Infantil. Dura, realista e conmovedora, a novela tece coa paciencia necesaria o día a día dunha tribo de nómades, os Kimba, que camiñan baixo o sol máis inclemente buscando alimento, símbolo da esperanza e da posibilidade de futuro.

Amadou só é un neno, pero xa coñece o sufrimento: a fame, a sede e a violencia forman parte da súa vida cotiá. Ademais, o seu irmán Numba desapareceu e deben atopalo. Ao longo do relato, Amadou non só camiña xunto á súa tribo na procura dunha terra mellor, senón que tamén emprende unha difícil viaxe interior cara a unha madurez para a que quizais aínda non estea preparado. Coa axuda da súa nai aprenderá a recoller sementes arrebatando o alimento das formigas. Ela inculcaralle valores tan importantes como a xustiza, o respecto ou o agradecemento. Pero chegou o momento de converterse nun auténtico guerreiro e enfrontarse á caza e ás difíciles reunións do consello da tribo. Escrita con oficio, con valentía e coa emoción precisa, Palabras de auga é unha obra sólida e coidada que nos achega a unha realidade demoledora.